ACTA 7 (24/1/2007)
A pasada Asemblea da Educación Crítica celebrouse na facultade de Maxisterio (Campus Norte). Eramos 12 persoas e, seguindo o sistema da mesa, Ana actuou como moderadora e Elena como secretaria. Tras a lectura da acta da asemblea anterior, e recollendo algúns dos puntos propostos para esta asemblea, a orde consensuada de cuestións a tratar foi a seguinte:
1. Lugar, periodicidade, calendario, hora, duración e “quorum” da asemblea
2. ¿Todo o que se faga a favor da Semana ten que ser previamente decidido na asemblea?
3. ¿É importante que elixamos a algunhas persoas de referencia dentro da Asemblea?
4. ¿@s representantes de alumnas teñen potestade para falar da Semana nas Xuntas de Facultade e demais comisións de traballo?
5. ¿Dentro da Asemblea traballaremos por comisións (ou pequenos grupos)?
6. Dinamización do Campus Norte
7. Dinámicas de grupo entre os membros da asemblea
8. Cuestións propias da XXII Semana da Educación Crítica:
• Concesión ou non de crédito ás/os participantes
• Papel dos profesores e profesoras na organización/ desenvolvemento da SEC
• Reducción/ supresión das clases durante o desenvolvemento da SEC
• Forma de traballo (comisións ou non) durante a organización da SEC
1.Lugar: O debate principal en torno ó lugar de celebración das asembleas xiraba en torno a dous puntos principais:
- ¿levala a cabo sempre no mesmo lugar ou ser “nómades”? E
-¿Celebrala nos campus de CC. Da Educación (Norte e Sur ) ou nun lugar céntrico?
O principal argumento que se barallou a favor dun lugar fixo foi a importancia de establecer un lugar de referencia permanente, onde todas/os saibamos que ese é o espazo dedicado á xestación da SEC. Ademais, deste xeito, todas aquelas persoas que queiran participar saberán ónde dirixirse cada mércores. Precisamente, a principal desvantaxe de “facernos nómades” pareceu ser a posíbel confusión dos participantes potenciais e mesmo dos que xa participamos. Sen embargo, a idea principal desta proposta nómade era a de facérmonos visíbeis en diferentes lugares, de xeito que a SEC estivera presente máis lugares.
Finalmente a asemblea decidiu que o máis axeitado sería celebrala nun lugar fixo anunciándoa con antelación mediante carteis en diferentes facultades, na rúa...
En canto ao espazo, os argumentos a favor dos campus de CC da Edu. (Norte ou Sur) foron que ese sería o lugar onde se desenvolvería a SEC, polo que sería importante facerse visíbeis nese contexto; e que a maioría das persoas que participamos habitualmente pertencemos ó campus de Educación.
Por outra banda, un lugar céntrico para a celebración das asembleas parecía axeitado, tendo en conta o carácter aberto da asemblea, e que a educación crítica vai alén dos muros dunha facultade de educación. Ademais, a nivel máis práctico esta opción parecía ser a máis cómoda tendo en conta a hora das reunións.
Así que finalmente, a decisión foi elixir un lugar céntrico.
¿Cal? Barallouse a Facultade de Filosofía, o I.E.S. Rosalía de Castro (que se desestimou por non ser posíbel que nos deixen alí unha aula) e a Facultade de Historia. A asemblea xa se tiña reunido no local de alumnos desta facultade, que permanece aberto durante todo o día e non é necesario ningún permiso. Conta ademais cunha mesa e unhas 15 cadeiras.
Logo o lugar elixido foi o local de alumn@s de Historia.
Periodicidade e calendario: polo momento, seguirémonos reunindo semanalmente cada mércores, como xa estabamos facendo. O mércores pareceu axeitado por estar no medio da semana, e tendo en conta a traballo que supón a realización da SEC así como outras actividades, unha reunión por semana pareceu necesaria.
Debateuse se, na época de exames seguiría funcionando a asemblea, e a decisión foi que si.
Hora e duración: Almorzar xunt@s pareceu a idea máis atractiva por ser unha hora que a maioría tiñamos libre. Polo tanto, a hora consensuada para comezar as asembleas: 14,15.
Ante a proposta da importancia de coñecer tanto a hora de empezar como a hora de rematar as reunións, propúxose que, en principio, a duración das asembleas fora de unha hora e media, rematando ás 15,45.
Este horario, ademais, trata de adaptarse a aquelas persoas que temos clase polas manás (rematando ás 14,00 h) e/ou polas tardes(comezando ás 16,00 h)
Quorum: En canto ao numero de persoas que deberían estar presentes para que se leve a cabo celebración da asemblea, a decisión foi que se ás 14,15 están mesmo 2 persoas, estas poden comezar o intercambio de ideas (ou o que queiran). A condición final resultou a seguinte: para que a asemblea poida tomar decisións deberá haber un mínimo de 5 persoas.
En síntese, a decisión en canto ao primeiro punto foi o seguinte:
A asemblea reunirase cada mércores de 14,15 a 15,45 h no local de alumn@s da Facultade de Historia. Tomaranse decisións no caso de haber máis de 5 persoas e anunciarase con antelación mediante carteis nas facultades de educación (C.N. e C.S), outras facultades, na rúa... onde figurará a nosa dirección de correo electrónico.
2. Partindo da base de que o máis positivo é levar o maior número de propostas/iniciativas á asemblea, decidiuse que haberá accións que será necesario falar previamente na asemblea antes da súa realización, como cuestións que atinxan á filosofía da asemblea, por exemplo.
Actividades como as de difusión (carteis anunciando asembleas, etc...) serán iniciativas moi positivas aínda que sexa a nivel individual: polo tanto, a compañeira Olga queda eximida de toda culpa
3. Neste punto, a decisión foi que tanto a nivel interno coma externo, os referentes seremos tod@s: a nivel interno (dentro da asemblea) @s referentes serán, en todo caso, a persoa moderadora ou secretaria (nomeadas para esa asemblea) e, sobre todo o noso correo electrónico, onde se enviarán as ideas, propostas que surxan durante a semana. A nivel externo (actividades de difusión polas clases...) tampouco haberá ningunha persoa concreta como referente.
4. O debate aquí xirou en torno á potestade d@s representantes de alumn@s que participan na asemblea para falar de temas que afectan directamente á SEC nas Xuntas de Facultade. A condición que se puxo foi que sempre se falara de puntos xa aprobados na asemblea.
Considerouse positivo que entre @s participantes na organización da SEC estean representantes, xa que deste xeito haberá un intercambio de información bidireccional: os representantes farán que a SEC estea presente ante o profesorado, e ademáis, a asemblea coñecerá de primeira man qué se fala da SEC entre eles.
Os representantes avisarán con antelación (sempre que sexa posíbel) ás/os compañeir@s da asemblea sobre a futura celebración da Xunta de Facultade, para facer propostas conxuntas.
5. En canto ao funcionamento por comisións, resultou positivo que a asemblea xeral se dividise en pequenos grupos de traballo, por considerarse máis operativo. Esto sería no caso de ter que realizar algunha actividade cultural, de difusión, etc, sempre con carácter aberto.
Este punto quedou pendente de retomar na próxima asemblea.
6. Ante a proposta da necesidade de dinamizar o C.Norte (xa que é característico o baixo nivel de implicación dos estudantes norteños durante a SEC) xurdiu a necesidade de dinamizar “en xeral”. Neste punto comezouse un interesante debate cuestionando o por que da non participación de novas persoas na organización da SEC, preguntándonos se en realidade coñecen cal é a finalidade da mesma.
Xurdiron propostas de dinamización como visitas nas aulas propoñendo unha chuvia de ideas sobre a SEC; solicitar a colaboración para colar cartaces...
Este punto quedou pendente de retomar na próxima asemblea.
7. No tocante á proposta de realizar dinámicas grupais entre os presentes ao fin de cada asemblea, cuestionouse se habería tempo para levalas a cabo, se se faría con contidos relacionados coa asemblea, se non sería un traballo engadido...
Xurdiu a proposta de facer unha cea como a mellor dinámica de grupo, incluso de carácter aberto, invitando (a vir) a toda persoa que queira participar na asemblea/ SEC...
Este punto tamén quedou pendente de retomar na próxima asemblea, xa que non estaban as compañeiras que o propuxeran na asemblea anterior.
O punto 8 sobre cuestións propias da SEC pospúxose para a próxima asemblea.
Finalmente votouse a acta do día para a próxima asemblea do 31/1, que é a seguinte:
1. Pechar o punto 5 sobre as Comisións
2. Pechar o punto 6 sobre a dinamización para a maior participación
3. Pechar o punto 7 sobre as dinámicas grupais entre os participantes
4. Proposta /Votación da data da celebración da SEC (hai unha data proposta: do 16 ao 20 de Abril)
5. Cuestións propias da XXII Semana da Educación Crítica:
• Concesión ou non de crédito ás/os participantes
• Papel dos profesores e profesoras na organización/ desenvolvemento da SEC
• Reducción/ supresión das clases durante o desenvolvemento da SEC
• Forma de traballo (comisións ou non) durante a organización da SEC
• Difusión (obriñas de teatro...)